Home  
 
 
 
 
  Ourense contará coa primeira Unidade de Condutas Aditivas do Servizo Galego de Saúde de Galicia. Así o anunciou hoxe en Ourense o subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias do Servizo Galego de Saúde, Víctor Pedreira Crespo, durante a súa intervención na Xornada sobre Integración Social de Drogodependentes. A Unidade de Conduta Aditiva ourensá dará cobertura a toda a Área de Ourense e integrará funcionalmente nun mesmo centro, situado nas antigas instalacións das urxencias do Hospital Santa María Nai, ás unidades de  Alcoholismo de As Burgas e de Drogodependencias do Concello de Ourense.
 
 
Ourense será pioneira na atención a condutas aditivas
25 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

As Unidades de Condutas Aditivas están destinadas a atención de todo tipo de dependenzas tanto de sustancias, estupefacientes, alcohol ou tabaco, como de hábitos de conducta, como as ludopatías. Tanto a unidade de Ourense como seu persoal pasa a depender funcionalmente do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense, mantendo a súa dependenza administrativa dos respectivos centros de orixe, ata a completa integración orgánica, proceso que se iniciará en 2009, segundo se recolle no actual Plan de Galicia sobre Drogas.

O subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias anunciou que a cidade de Ourense será pioneira neste tipo de atencións, xa que o proceso está previsto levalo a cabo o ano que ven en toda Galicia, pero en Ourense adiántase un ano e empezará a materializarse o vindeiro día primeiro de marzo.
No caso da integración funcional da Unidade Mental do Sergas de Ourense, afróntase este ano o segundo paso que é o da integración administrativa. Abógase neste caso pola integración e a normalización da asistencia aos drogodependentes que até o de agora a levaban concello e onegés, pola administración.

A integración é a idea central que marca tódalas iniciativas públicas neste eido, xa que como salientou Víctor Pedreira -“As drogodependencias son un problema de saúde e, por elo, deben ser atendidas polo sistema sanitario xeral”. Nesta liña, a integración concrétase non só  nos dispositivos senón tamén na coordinación dos mesmos, así como do conxunto de programas específicos, coa rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, cara a normalización da atención destes pacientes, mellora da súa accesibilidade e asistencia, da detección e intervención precoz en atención primaria, e do diagnóstico e tratamento de enfermidades infecciosas e patoloxías psiquiátricas.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital