Home  
 
 
 
 
 

A Consellería de Traballo destinou un presuposto de 640.735 euros á posta en marcha do obradoiro de emprego Pedra Altaque, segundo a delegada provincial de Traballo en Ourense, Carmen Acosta, permitiu a formación profesional de 33 desempregados durante un ano. Na mañá deste xoves cluausrouse o curso que promoveu tamén o Concello de Sarreaus.

 
 

Traballo investiu máis de 640.000 euros na rehabilitación de escolas e espazos públicos de Sarreaus

 
25 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Co desenvolvemento destas actividades, ofrecéuselles formación teórica e práctica aos alumnos e alumnas participantes, que se formaron nas especialidades de albanelería, restauración de áreas degradadas e de axuda a domicilio. Os beneficiarios desta iniciativa foron os encargados de rehabilitar un edificio en Cortegada e as escolas unitarias de Perrelos, Pazos e Codosedo.
Tamén restauraron o contorno do edificio do pavillón, do monte do Toural, da piscina municipal, do campo da festa de Tarrazo e do monte da igrexa de Campos. Outro dos seus cometidos foi a recuperación do monte de Couso, a rehabilitación dos principais accesos do tramo entre Vilariño e Couso e a recuperación da praza pública de Couso.

Segundo destaca Traballo, "estes proxectos formativos serven para establecer un marco de diálogo entre a Administración autonómica e as institucións locais". Por outra banda, a Consellería de Traballo aposta por estas iniciativas "porque as posibilidades reais de inserción laboral dos participantes sitúanse arredor do 70%. Ademais, estas actividades son unha ferramenta na loita contra o desemprego, en especial, naqueles casos nos que se bota en falta formación teórico-práctica en determinadas profesións", sinalou a delegada Carmen Acosta.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital