Home  
 
 
 
 

 

 
  Despois das xuntanzas mantidas esta mañá, a Concellería de Medio Ambiente procederá a rematar a elaboración do prego e os seus anexos, para, unha vez rematados, realizar unha nova ronda de xuntanzas con estes colectivos.
 
 
Grupos políticos, asociacións veciñais e colectivos sociais fan aportación ao prego do novo Servicio de Limpeza de Ourense
25 de ENERO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

As xuntanzas tiveron un balance moi positivo, segundo sinala Demetrio Espinosa, “dado que apreciamos unha satisfacción xeralizada co borrador de prego, que foi expresada nas xuntanzas tanto polas organizacións políticas como polos colectivos sociais e veciñais. Percibimos unha boa receptividade ó borrador e as discrepancias que se plantexaron, afectan máis a cuestións de forma que de fondo. Valoramos moi positivamente as propostas e suxerencias que se nos trasladaron e estudiaremos a viabilidade da súa inclusión no texto definitivo”.

A xornada comezou cunha xuntanza política, con representantes dos grupos municipais de BNG, Andrés García Mata e PP, Francisco-Javier Rodríguez Nóvoa, unha segunda con asociacións veciñais que solicitaron copia do prego e amosaron o seu interese en presentar suxerencias: Federación Limiar, Anacos da Cidade, San Breixo, Arranxar, e Rairo que, ainda que non pudo acudir, remitiu un escrito coas súas propostas. A terceira xuntanza contou coa participación de Aspanas, a asociación ecoloxista SYME, a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos nº 1, Centro Comercial Aberto e o sindicato CIG, que non participou na reunión, pero remitiu un escrito coas súas propostas. En tódalas reunións participaron tamén representantes das áreas xurídica e técnica da Concellería de Medio Ambiente.

Como resultado das reunións, o prego incluirá propostas dos colectivos participantes:

A proposta do grupo municipal do BNG, incluirase a limpeza das zonas termais da cidade como un servicio xeral dos incluidos no contrato (inicialmente non se incluira polas peculiaridades destes espacios, para os que se pensaba en contratar un servicio específico). Tamén a proposta deste grupo, realizarase un estudio xurídico sobre a posibilidade de incluir no contrato a limpeza do mobiliario urbano, dado que nalgúns casos o mantemento deste está incluido noutras concesións municipais.

Pola súa banda, o grupo municipal do PP plantexou a conveniencia de que no prego do concurso se especifique detalladamente cales son os servicios mínimos que deberá prestar a futura concesionaria, de xeito que calqueira oferta que se reciba teña como punto de partida eses servicios mínimos, que son aqueles cos que conta actualmente o Concello. O concelleiro de Medio Ambiente confirmou ó grupo do PP que esta suxerencia será incluida no prego definitivo.

Pola súa banda, os colectivos veciñais valoraron de xeito moi positivo que por primeira vez teñen a oportunidade de participar e realizar aportacións ó prego dun servicio da relevancia da limpeza, e coincidiron en 3 liñas fundamentais de propostas.

  • Reclamar máis asistencia os barrios da cidade e o seu perímetro rural, de xeito que teñan un servicio de igual calidade ó do centro da cidade.
  • Elaboración dunha ordenanza municipal que endureza as sancións por comportamentos incívicos e contrarios ó respecto ó Medio Ambiente, como vandalismo, deterioro de espacios públicos, botar lixo á rúa ou a vertedeiros ilegais
  • Control estricto por parte do Concello de que o prego se cumple

Na terceira das xuntanzas, ademais de cuestións xerais abordáronse materias que afectan directamente ós colectivos participantes. Así, Demetrio Espinosa confirmou a Aspanas que por parte do Concello habilitaranse mecanismos e acordos para que o traballo que realizan actualmente xoves desta asociación sexan incluidos no novo servicio de limpeza. No caso da Praza de Abastos se elaborará un estudio específico da limpeza deste espacio municipal e da zona na que se celebra a feira dos días 7, 17 e 26 dado que nesas datas, a propia asociación é a responsable de realizar a limpeza. Tamén se estudiarán as aportacións que realicen asociacións como SYME ou o Centro Comercial Aberto.

 

 

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital