Home  
 
 
 
 
  O subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, Manuel Conde Mouzo, inaugurou este martes a exposición itinerante Galiciadixital instalada agora no concello de Castro Caldelas. Segundo destacou o subdirector xeral, con esta exposición achéganse os últimos avances tecnolóxicos a este Concello. Estará nesta vila ata o vindeiro domingo, 18 de maio.
 
 
A exposición itinerante Galiciadixital chegou a Castro Caldelas onde estará ata o día 18
14 de MAIO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Segundo Conde Mouzo, a Secretaría Xeral de Comunicación márcase dous obxectivos coa exposición. Dunha banda, “conseguir que os visitantes desfruten cunha experiencia nova e diferente á dos museos convencionais ao coñecer as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo audiovisual de xeito lúdico”. En segundo lugar referiuse ao feito de que “a mostra serve de escaparate e ponte natural entre o traballo que están a desenvolver as

universidades e as empresas galegas co resto da sociedade”.
Así mesmo, o subdirector xeral  sinalou que a mostra está pensada para que os seus visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades.

A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación, ofrece unha converxencia entre arte e tecnoloxía. Ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e universidades galegas.

A exposición Galiciadixital, "de entrada gratuíta" segundo os organizadores, estará no Castelo de Castro Caldelas ata o 18 de maio, e é unha réplica da exposición permanente Galiciadixital situada no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela pola que xa pasaron máis de 450.000 visitantes.

 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital