Home  
 
 
 
 
  En resposta a unha pregunta do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno recoñece que a recadación da Dirección Xeral de Tráfico en Galicia é dez veces superior ao que inviste en Galicia en seguridade viaria. Dos datos aportados por Madrid se desprende que, aínda que a recadación medrou de xeito xeneralizado en toda a Comunidade, fixoo máis nas provincias de Ourense e Lugo. Jorquera  subliña que “non queremos pensar que as constantes reticencias do Goberno Central a transferir tráfico e seguridade viaria a Galiza non teñan que ver con esta situación”
 
 
Por cada euro que a DGT recadou en 2007 en multas aos galegos, só 10 céntimos se investiron en seguridade viaria  
26 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

Por cada euro que a DGT recadou en Galicia durante o ano pasado, 2007, só investiu 10 céntimos en seguridade vial. Así se desprende da resposta que o Goberno deu a unha pregunta do deputado nacionalista Francisco Jorquera, na que Madrid recoñece que os investimentos de Tráfico en seguridade viaria en Galiza ascenderon a 3.100.248 €, mentras que, pola contra, a recadación do Goberno por infraccións ascendeu no mesmo ano a 32.071.731 €. É dicir, dez veces máis.

Ademais, a información do propio Goberno desvela dados que o deputado nacionalista califica de "clarexantes": nos últimos tres anos o investimento de Tráfico en medidas de seguridade viaria en Galiza diminuíu mentres que a recadación medrou.
Así, o investimento en seguridade viaria pasou de 3.378.450 € en 2005 a 3.100.248 € en 2007.
Pola contra, a recadación da Dirección Xeral de Tráfico no noso país medrou nos últimos tres anos, pasando de 27.322.921 en 2005 a 32.071.731 € o pasado ano.
Sinala o deputado nacionalista que, dos datos aportados polo Goberno central despréndese que "o incremento da recadación de Tráfico foi xeneralizado en todas as provincias, en especial nas de Lugo e Ourense".

Francisco Jorquera considera que “esta situación é inadmisíbel: non é de recibo que cando Galiza sofre un dos índices de sinistralidade viaria máis elevados do Estado, o Goberno Central recoñeza que o investimento en seguridade viaria non só non medrou, senón que diminuíu, mentres que a recadación se incrementou en todas as provincias galegas”.
O portavoz do BNG subliña que Galiza precisa “dunha policía propia que dea resposta a unha realidade, a problemática do tráfico en Galiza é moi diferente:  poboación dispersa; rede moi densa de estradas secundarias, con trazados sinuosos, numerosos cruces e travesías; alta porcentaxe de poboación que vive no rural; elevada pluviosidade ou a orografía accidentada.”

Volver atras
Imprimir Página