Home  
 
 
 
 
  O conselleiro, Manuel Vázquez, asinou este venres senllos convenios de colaboración co presidente da Mancomunidade de Concellos de Ourense e co alcalde de Cortegada para desenvolver ambos proxectos. O acordo co Concello de Cortegada suporá un investimento de 149.728 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente. Medio Ambiente tamén destinará 86.457 euros á Mancomunidade de Concellos de Ourense para a adquisición dun camión para a recollida de residuos nos concellos da bisbarra.
 
 
Máis de 236.000 euros de Medio Ambiente para o Concello de Cortegada e Mancomunidade de Ourense  
27 de SETEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A  Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible destinará máis de 236.000 euros a actuacións ambientais no concello ourensán de Cortegada e á dotación de medios á Mancomunidade de Concellos de Ourense para a recollida de residuos. O conselleiro, Manuel Vázquez, asinou este venres senllos convenios de colaboración co alcalde de Cortegada, Avelino Luís De Francisco, e co presidente da mancomunidade ourensana, José Manuel Fernández, para acometer ambos proxectos.

O acordo entre a consellería e o concello de Cortegada suporá un investimento de 149.728 euros por parte do departamento que dirixe Manuel Vázquez para a realización de actuacións ambientais neste municipio. O obxectivo do convenio é potenciar os recursos naturais cos que conta o municipio, entre os que destacan o curso do río Miño e as fontes de augas termais.
O investimento da Consellería de Medio Ambiente distribuirase en dúas anualidades, a primeira de 25.000 euros no presente ano e a seguinte, de 124.728 euros en 2009; mentres que o concello de Cortegada comprométese á execución das obras e licitación do proxecto.

Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente destinará 86.457 euros á Mancomunidade de Concellos de Ourense para a adquisición dun camión con guindastre para a recollida de residuos sólidos urbanos nesta comarca.
O obxectivo deste acordo é contribuír a mellorar a dotación de medios da mancomunidade ourensana, que presta o servizo de recollida de residuos aos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, todos eles cunha poboación aproximada de 24.000 habitantes.

Volver atras
Imprimir Página