Home  
 
 
 
 
  O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, visitou este xoves os terreos on se ubicará a nova Estación da Inspección Técnica de Vehículos, a ITV, de Xinzo de Limia. O investimento para esta actuación acada os 900.000 euros, financiados pola empresa concesionaria, e as obras teñen un prazo de execución de 7 meses, polo que, segundo apuntou o vicepresidente, podería estar operativa antes do verán. A nova estación ITV estará localizada no Parque Empresarial de Xinzo, nunha parcela de 2.500 metros cadrados.
 
 
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
Anxo Quintana
Quintana asegura en Xinzo que a Estación da ITV estará operativa antes do verán
12 de DICIEMBRE de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, visitou este xoves en Xinzo de Limia aos terreos onde se comeza a construción dunha nova Estación da Inspección Técnica de Vehículos, ITV. Quintana amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste servizo que, dixo, "supón un paso adiante tanto para previr a sinistralidade nas estradas como no camiño de avanzar no reequilibrio territorial".

A nova estación ITV estará localizada no Parque Empresarial de Xinzo, nunha parcela de 2.500 metros cadrados. Disporá dunha liña de inspección universal con capacidade para atender a todo tipo de vehículos (turismos, ciclomotores, vehículos especiais, tractores agrícolas, quads, camións, buses...), ademais de espazos de atención ao público, dependencias administrativas e zonas de aparcadoiro.

O investimento para esta actuación acada os 900.000 euros, financiados pola empresa concesionaria, e as obras teñen un prazo de execución de 7 meses, polo que, segundo apuntou o vicepresidente, podería estar operativa antes do verán. Inicialmente, a estación terá capacidade para examinar entre 2.000 e 2.500 vehículos, e permitirá crear 4 empregos directos, ao tempo que contribuirá á dinamización económica do concello.

A de Xinzo vai ser a cuarta estación fixa de Ourense e permitirá dar cobertura á zona suroeste da provincia, prestando servizo directo a 30 concellos das comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, e tamén ao sur da comarca de Allariz. Quintana sinalou que a localización desta estación “responde a criterios técnicos e de xustiza”, dando resposta a unha vella demanda da comarca da Limia, e especialmente dos usuarios de maquinaria agrícola, xa que lembrou que unha das comarcas galegas con maior presenza de maquinaria deste tipo (o parque automobilístico da Limia conta con 22.000 unidades, das que 3.000 son vehículos agrícolas). O vicepresidente explicou que esta estación fixa virá a sumarse á unidade móbil para vehículos agrarios que xa visita periodicamente os distintos concellos da zona, polo que non se trata coa posta en marcha desta estación dunha substitución de servizos, senón dunha aposta por reforzar os recursos.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página