Home  
 
 
 
 
  Asimilar a importancia do desenvolvemento sostible, comprender o problema da escasez da auga, evitar o consumo abusivo de auga ou inculcar a idea de aforro de auga, entre outros. Estes son catro obxectivos prioritarios dunha actividade que pon en marcha a Concellería de Participación Cidadán do Concello de Ourense para celebrar o Día Mundial da Auga este domingo, día 22. As actividades, consistentes en charlas informativas,  plantéxanse ás asociacións veciñais da cidade.
 
 
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
A cidade celebra o Día Mundial da Auga cunha campaña de sensibilización do seu uso integral
21 de MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Con motivo da celebración do Día Mundial da Auga este vindeiro domingo, 22 de marzo, a Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense pon en marcha unha campaña de sensibilización do uso integral da Auga, xunto coa asociación Ambiental Syme e a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
A campaña consistirá no desenvolvemento de pequenos foros de participación, que se realizarán nos locais das asociacións de veciños de Ourense que desexen adherirse ó proxecto. Mediante estes foros, ofreceranse conferencias informativas do uso integral da auga, coa explicación do ciclo da auga, ou os custes de potabilización e depuración de augas. Ao remate das mesmas, os veciños poderán facer peticións co obxectivo de axudar na mellora da xestión da auga.

Sinala a Concellería de Participación Cidadán que esta campaña ten como obxectivos "asimilar a importancia do desenvolvemento sostible, comprender o problema da escasez da auga, evitar o consumo abusivo de auga ou inculcar a idea de aforro de auga, entre outros".
Coa intención de incentivar a participación de tódalas persoas que asistan, a Concellería de María Devesa proporcionará gratuitamente aos asistentes bolas de lavado ecolóxicas. Deste xeito, trátase de reducir o emprego dos deterxentes, colaborando no coidado do medio ambiente.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página