A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e O.U. inaugurou este martes a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” sobre o galego na diversidade lingüística, que permanecerá no Centro Cultural da Deputación ata o día 19 deste mes. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, afirmou que “non pode concibirse unha sociedade actual que lle vire as costas ao plurilingüismo”. No mesmo acto, o titular de Cultura, Roberto Varela, sinalou que o galego debe introducirse “nun contexto de pluralismo e interculturalidade” dentro dun mundo cada vez máis global.
 
Noticias Relacionadas
  Baltar, Varela e Vázquez coinciden en Ourense na defensa do plurilingüismo e en que “Galicia ten dúas linguas”
 
 
Chega a Ourense, Centro Cultural da Deputación, a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”
8 de JULIO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Este martes inaugurouse no Centro Cultural da Deputación de Ourense a exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e que permanecerá aberta ata o próximo día 19.
“As nosas palabras, os nosos mundos” remata en Ourense o seu periplo por diferentes cidades do mundo, nas que lles trasladou aos miles de visitantes a vitalidade actual da lingua galega e a súa historia. A mostra promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende, tamén, poñer en valor a riqueza da diversidade dos idiomas do mundo, como vehículos de comunicación e cultura.

Nun espazo expositivo de 500 metros cadrados, os visitantes poderán achegarse ao galego e á diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva.   –galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos: “As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”.

O módulo “As orixes” constitúe un achegamento ao nacemento da linguaxe, así como á evolución das canles de comunicación ao longo da historia da humanidade. Nel tamén se ofrece información sobre as 20 familias lingüísticas existentes no mundo.

O segundo módulo, que leva por título “Isto é galego”, permite viaxar pola historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos culturais, sociais e políticos relevantes. En canto ao espazo “As nosas palabras, os nosos mundos”, o visitante pode mergullarse na diversidade lingüística do planeta e coñecer o son de múltiples linguas a través dun xogo de escoita. Por último, o módulo “A nosa lingua na nosa vida” amosa exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.

En paralelo á exposición, ofrécese un percorrido a través de Internet no sitio web, o primeiro portal galego sobre diversidade lingüística, con información de interese sobre o galego e o plurilingüismo.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página