A edición número trinta e cinco da Wildlife¸ “Fotógrafos da Natureza, 2009”, chegou á Sala de Exposicións de Caixanova de O Barco de Valdeorras, froito da colaboración entre esta entidade e o Concello barquense. A exposición é o resultado dun concurso anula no que este ano se recibiron máis de 32.000 imaxes procedentes de 82 países. A Wildlife é unha selección das mellores destas fotografías, destacando na deste ano “Leopardo das neves” do fotógrafo Steve Winter, que empregou dez meses de traballo no parque nacional de Hemis de Ladack na India para capturar esta imaxe.
 
 
A Wildlife 2009  atópase na Sala de Exposición de Caixanova de O Barco de Valdeorras
27 de AGOSTO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A partires deste mércores, día 26 de agosto, queda instalada en O Barco de Valdeorras a exposición “Fotógrafos da Natureza 2009. Wildlife photographer of the year”, cuxo periplo por Galicia patrocina tódolos anos Caixanova. Neste caso trátase da exposición dos mellores traballos que presentaron a concurso fotógrafos de todo o mundo, na que xa fai a XXXV Edición da Wildlife.
A exposición é froito da colaboración entre Caixanova e o Concello barquense.

O concurso anual Wildlife Photographer of The Year, organizado pola BBC e o Museo de Historia de Londres co patrocinio de Shell, é un certamen aberto aos fotógrafos profesionais e afeccionados de todas as idades, que pretende promover o crecente interese pola natureza e o medio ambiente, converténdose no máis prestixioso certame mundial de fotografía da natureza do panorama internacional.
Nesta edición recibíronse máis de 32.000 imaxes procedentes de 82 países. “A magnífica colección de imaxes desta exposición é o mellor expoñente do esplendor, o drama e a diversidade da vida no Planeta Terra”, sinalan os responsables de Caixanova.
Os estilos e protagonistas das fotografías son moi variados, desde a plasmación abstracta da natureza ata os retratos de animais, pasando polo comportamento máis íntimo dos seres vivos e, mesmo, o efecto do quecemento global.

Nesta edición, a fotografía seleccionada como a máis impactante e salientable de todas as presentadas foi “Leopardo das neves”, do fotógrafo Steve Winter, que acadou capturar está imaxe despois de dez meses de traballo no parque nacional de Hemis de Ladack na India.
Tamén foron galardoados nas diferentes categorías do concurso Miguel Lasa (España-Reino Unido) por “Amencer polar”, Antoni Kasprzak (Polonia) por “Choque de pigargos”, Cyril Ruoso (Francia) por “A recompensa do cazador”, David Maitland (Reino Unido) por “Táboas”, Carlos Virgili (España) por “Medusa solar”, Yongkang Zhu (China) por “Cisnes nivais” e Cece Fabbro (Estados Unidos) por “Ciprés dos pantanos”, entre outros.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página