Ourense acolleu este venres a II Reunión do Consello Consultivo de Empresarios e Profesionais Ourensáns no Exterior. Unha vintena de empresarios que teñen diferentes negocios fóra de Ourense acudiron á cita deste Consello que celebraba a súa II Reunión co obxectivo de repasar o nivel de cumprimento dos obxectivos fixados no encontro do ano pasado, establecer outros novos e coñecer cal é a situación actual da cidade en diferentes ámbitos.
O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, foi o encargado de inaugurar a orde do día. Ademais de dar a benvida a tódolos asistentes e agradecer a súa asistencia, o rexidor quixo destacar que nesta reunión “se vai a falar de Ourense e do gran proxecto que todos queremos construír para o Ourense do futuro”. O alcalde falou de que este encontro serve para que estes homes e mulleres coñeceran a situación actual da cidade no referente ós proxectos estratéxicos e, sobre todo, para que “axuden a enriquecer e mellorar os proxectos destacados que hai en marcha na cidade”.
Francisco Rodríguez explicoulles ós empresarios que o novo Proxecto de Urbanismo, PXOM, xa está en marcha dende o mes de xaneiro. Ademais adiantou que o “proxecto de proxectos”, a entrada do AVE na cidade está a punto de dar un importante paso adiante xa que en menos dun mes sairá á luz o estudio da variante exterior do AVE na cidade.
Pola súa banda, José Ángel Vázquez Barquero, Director Xeral de Emprego e Promoción Económica do Concello, fixo un repaso das iniciativas que se crearon na pasada convocatoria e do estado no que se encontran na actualidade. Barquero quixo destacar para comezar o Pacto Local para a promoción do emprego que se estableceu en colaboración cos sindicatos e entidades sociais da cidade. A continuación fixo un repaso punto por punto dos obxectivos que quedaran establecidos da anterior reunión e dos avances que tivero lugar durante este tempo.
Algúns dos máis destacados son a adquisición de solo empresarial, a creación dun viveiro de empresas e de escolas-taller e obradoiros ademais dun Plan de Marketing Urbano. Tamén fixo especial fincapé no fomento da cultura emprendedora e na formación, inserción e cooperación dos ourensáns a través de iniciativas como Auria Inserta ou o PROEXPEM. Por último, abriu a posibilidade de crear unha exposición para que a cidadanía coñecese a actividade real destes emprearios e valorase o seu traballo.
A concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, comezou a súa exposición dicindo que “a cidade terá sentido se é apetecible para vivir, traballar e, sobre todo, quedarse nela, e iso é no que estamos traballando”. A concelleira destacou varios proxectos clave para o futuro de Ourense durante a súa intervención. O Plan Estratéxico de Termalismo, a Ronda Bulevar, o solo empresarial, a zona do Campus e a entrada do AVE foron os puntos centrais xunto coa adquisición de espacios para equipacións destinadas o uso dos cidadáns.
O vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, pola súa parte, falou do futuro Proxecto de Remodelación e de novas dotacións e funcións do Campus de Ourense resumindo os puntos fundamentais deste proxecto que se fixo pensando que “o Campus mirase á cidade, tendo en conta a chegada do AVE, e que fose realista”. Gálvez destacou como puntos importantes a ter en conta o Xardín das Lagoas, a futura praza da Universidade e a zona deportiva, que vai a ser a máis importante de toda a cidade.
A última intervención correu a cargo de Demetrio Espinosa, concelleiro de Medio Ambiente, quen lle explicou ós asistentes o futuro Parque Botánico de Montealegre. Falando da débeda histórica da cidade con esa zona, aclarou que este proxecto pretende “compatibilizar a preservación do medio xunto coa riqueza que este produce”. Ademais de destacar a Ourense como a provincia “con maior potencial natural de España”, anunciou que as obras deste novo espacio verde da cidade comezaran nun prazo dun mes.
Para rematar, abriuse a rolda de intervencións dos membros do Consello no que un por un foron expoñendo a súa opinión e perspectiva sobre o falado, ó tempo que agradecían ó Concello a organización desta reunión e propoñian novas ideas a desenvolver polos membros do Consello. O alcalde foi o encargado de clausurar o acto, que deu paso a unha comida á que asistiron tódolos membros deste Consello Consultivo de Empresarios e Profesionais Ourensáns no Exterior.
|
|