A ZEPA de A Limia será un feito este xoves, cando o Consello da Xunta aprove o Decreto da Consellería de Medio Rural que declarará esta zona da provincia de Ourense como de Especial Protección para as Aves. Esto fai que pase a ser incluída a zona, directamente, na Rede Natura 2000. Formuláronse 6.263 alegacións ao proxecto da súa declaración, e, finalmente, a superficie total da ZEPA limiá será de 6.939 hectáreas, cunha zona periférica de protección de 7.558,6 hectáreas. “Ten por finalidade a protección e conservación do hábitat das aves que viven nesta zona, así como das demais especies migratorias de presenza regular”, sinala a Consellería de Medio Rural.
 
 
O Consello da Xunta aprobará este xoves o decreto da ZEPA de A Limia de casi 7.000 hectáreas
12 de NOVIEMBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O Consello da Xunta aprobará este xoves o Decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Limia, no surleste da provincia de Ourense. A declaración deste espazo natural como ZEPA leva a súa inclusión directa na Rede Natura 2000, co compromiso de establecer medidas de conservación adecuadas para evitar o deterioro dos hábitats destas aves que viven en estado silvestre. Ao tempo, respectaranse os usos agrarios tradicionais da comarca, sinala o departamento de Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural.

Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural

Recorda a Xunta que, por medio da Resolución de 11 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, someteuse a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto de declaración de zona de especial protección das aves de 10.383 hectáreas da comarca da Limia. Formuláronse 6.263 alegacións, e tras seren analizadas e contestadas, optouse por aceptar parcialmente as alegacións e realizar un axuste na súa delimitación.
Con estes novos límites, a superficie total da ZEPA “A Limia” será de 6.939 hectáreas, cunha zona periférica de protección de 7.558,6 hectáreas. Esta área periférica está destinada a minimizar impactos sobre os hábitats das especies mediante a aplicación e o fomento de medidas agroambientais e prácticas orientadoras que favorezan a súa conservación.

A declaración do espazo natural da Limia como zona de especial protección para as aves “ten por finalidade a protección e conservación do hábitat das aves que viven nesta zona, así como das demais especies migratorias de presenza regular. Preténdese, desta forma, protexer os enclaves de reprodución, muda, invernada e descanso relativa á conservación das aves silvestres”, sinala Medio Rural.

En Galicia, a rede de zonas de especiais protección das aves de Galicia está composta por 15 lugares que alcanzan unha superficie total de 94.089 hectáreas. Na actualidade, a Limia presenta unha paisaxe eminentemente agrícola e escasamente forestada, na que dominan os cultivos cerealeiros de secano.

 
Volver atras
Imprimir Página