Tereixa Paz e Carlos Aymerich cualifican o decreto da creación da ZEPA de A Limia como un ataque “sen parangón” ao traballo parlamentar, por non ter en conta a iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara, a iniciativa do BNG, hai menos dun mes. Ambos anunciaron este xoves que se dirixirán á Mesa da Cámara para pedir amparo polo que entende constitúe “vulneración” que fai o Goberno galego dos acordos acadados no Parlamento. Aymerich pregúntase onde está a rexeneración democrática prometida por Núñez Feijóo, “non sei se queda para outra vida, en calquera caso si para outra lexislatura”, concluiu.
 
 
O BNG denuncia “vulneración” no caso do decreto polo que se crea a ZEPA de A Limia
13 de NOVIEMBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O portavoz do Grupo do BNG no Parlamento de Galicia, Carlos Aymerich, e a voceira de Medio Rural, Tereixa Paz, anunciaron este xoves que se dirixirán á Mesa da Cámara para pedir amparo pola vulneración que este goberno fai dos acordos acadados no Parlamento, nomeadamente o que se adoptou por unanimidade o 23 do pasado mes de Outubro ao respeito do decreto da Zepa.
Tereixa Paz asegurou que se trata dun ataque “sen parangón” ao traballo parlamentar e pon de manifesto que o grao de fiabilidade do PP xa non só cae en picado senón que a partir de agora “xa non podemos nin acreditar nas iniciativas que apoian nesta Cámara”.

Carlos Aymerich

Neste sentido, engadiu que se houbera que facer un “test de fiabilidade” ao PP o resultado sería un suspenso en toda regla, por tres cuestións fundamentais: incumprimento do acordo, aprobar un decreto de costas ao Parlamento e á cidadanía da Limia e de costas tamén aos intereses produtivos.
Para Paz, queda de manifesto, por tanto, a “total incoherencia” do Partido popular sobre este asunto, pois hai dous anos estaba totalmente en contra do decreto, “azuzaban” aos afectados para que se opuxeran ao mesmo e incluso repartían folletos co lema “ZEPA NON” e agora aproban a norma tal cal en Consello da Xunta, o que vai supor, “segundo constaba no folleto”, que 22.000 galegos se vexan afectados e unhas perdas de 300 Millóns de euros. “Irresponsabilidade e total incoherencia”, reiterou a deputada.
A parlamentar nacionalista lembrou que o acordo acadado no Parlamento non era de difícil cumprimento senón moi concreto e taxativo,  pois establecía que antes de adoptar calquera decisión, o goberno da Xunta reanudaría o diálogo cos afectados e a creazón da Zepa cumpriría unha serie de condicións para compatibilizar o respeto ao hábitat das aves co mantemento das actividades agrarias, tal e como sempre demandou o BNG e polo que seguirán traballando.

Pola súa parte, Carlos Aymerich sumou esta “nova falta de respecto” de Núñez Feijóo e o PP ao Parlamento ás “mentiras” nos debates plenarios que caracterizan a este goberno, ás tramitacións de proxectos de lei polo trámite de urxencia, cando a única presa que as xustifica, na súa opinión, son as “urxencias do PP e dos seus amigos”, sinalou.
Aymerich preguntouse, ante este cúmulo de exemplos, onde está a rexeneración democrática prometida por Núñez Feijóo, “non sei se queda para outra vida, en calquera caso si para outra lexislatura”, concluiu.

 
Volver atras
Imprimir Página