Ourense rende merecido homenaxe a un piar da historia da música popular galega, Faustino Santalices
 
Ourense rende xusto e merecido homenaxe dende este luns a unha das figuras de referencia da historia da música popular galega, Faustino Santalices. Unha exposición no Museo Municipal abre as actividades que rematarán a mediados do mes de marzo no Auditorio con un congreso científico en torno á figura de Santalices. “Nesta segunda fase o Concello quere sumarse así ao proxecto de recuperación desta figura fulcral para a música tradicional galega”, sinalou a concelleira de Cultura e tenente de alcalde, Isabel Pérez
 
 
 
 
 
22 de FEBREIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

Unha das figuras de referencia na historia da música popular galega, o gaiteiro, zanfonista e musicólogo Faustino Santalices Pérez finado no 1960, é o protagonista absoluto dun ambicioso proxecto divulgativo que recupera para o público o legado deste persoaxe senlleiro da cultura galega, vinculado aos instrumentos da gaita e a zanfona, dos que  foi artesán e intérprete virtuoso, e que foi presentado este luns no Museo Municipal desta cidade.
Trátase dunha ampla exposición, un congreso científico e un concerto homenaxe compoñen o programa de  “Faustino Santalices, Ciencia da Gaita, Consciencia da Zanfona”, que chega a Ourense baixo o apoio e patrocinio de AGADIC, Xunta de Galicia e Concellería de Cultura, cuxa representante, a Tenente Alcalde de Ourense, Isabel Pérez, interviña esta mañá na súa presentación.

“Nesta segunda fase o Concello quere sumarse así ao proxecto de recuperación desta figura fulcral para a música tradicional galega, que tivo o seu xermolo no 50 aniversario do pasamento de Santalices nas instalacións do Museo Etnolóxico de Ribadavia”, explicou a edil do BNG, Isabel Pérez que apuntou tamén que “a cidade ríndelle así unha homenaxe ben merecida”.
Ao longo do acto de presentación sucedéronse as lembranzas da figura de Santalices, ao que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, calificou como “un dos grandes da  cultura galega, polo esforzo dedicación e paixón que puso non só por recoller a música popular senón por construir instrumentos que a fixeran reproductible”.
Un dos comisarios da mostra, Cástor Castro, defendeu a importancia divulgativa deste traballo xa que “queda moito por investigar na cultura e o patrimonio inmaterial galego, con esta homenaxe a Santalices escribimos un capítulo importante, afondando nunha persoa que flota no subconsciente dos galego como referente musical”.
Entre outras curiosidades Castro lembrou que Santalices foi embaixador do toque pechado na gaita, a maneira propia de tocar este instrumento na zona occidental da xeografía galega, unha técnica que hoxe só manteñen catro gaiteiros en toda a provincia de Ourense.

Tal e como se deu conta este luns na presentación, as actividades programadas en Ourense repartiránse entre o Auditorio e o Museo Municipal da Cidade. O Museo acolle desde este 21 de febreiro a exposición itinerante na que, a través de fotografías, vídeos testemuñais e documentos se percorre a biografía de Santalices e o seu traballo a prol da música popular. A mostra foi acollida con anterioridade polo Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Os días 11 e 12 de marzo o Museo acollerá así mesmo o congreso científico en torno á figura de Santalices, no que se darán cita en torno a 14 congresistas, músicos, investigadores, musicólogos, etc.
O dia 26 de febreiro, por outra banda, está previsto que o Auditorio Municipal acolla o concerto homenaxe Sanfonices, unha actuación de máis de vinte zanfonistas na que recrear o legado de Santalices desde unha posta en actualidade do seu repertorio.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google