O xornalista Xosé Lois Rúa, Cambalán, recibe este sábado a Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas de Ourense
 
O xornalista ourensán da Radio Galega, Xosé Lois Rúa, Cambalán, recibirá este sábado a Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O que ocorrerá no decurso da XXVII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros que terá lugar esta fin de semana no Castelo de Monterrei. A Real Banda recoñece así o traballo de Rúa a prol da difusión da música galega e, especialmente, no que atinxe ao ámbito da gaita.
 
 
 
 
16 de XUÑO de 2012: OURENSE DIXITAL

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense entregará este sábado, ás 20.00 horas, no Castelo de Monterrei, a Medalla de Ouro desta formación musical ao xornalista ourensán da Radio Galega Xosé Lois Rúa, o que ocorrerá no decurso da  celebración da XXVII Xuntanza Internacional de Gaiteiros.
Con este galardón a Real Banda de Gaitas  recoñece o labor realizado por Xosé Lois Rúa como informador e difusor da música galega, especialmente no que atinxe ao ámbito da gaita e a súa importancia histórica, cultural e musical en Ourense e no resto de Galicia.
Nesta liña de recoñecementos ao mundo da información, a Real Banda de Gaitas outorgou noutras ocasións similares distincións aos xornalistas Luís Rial e Rafael Cid.

O programa da XXVII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros -unha das citas máis importantes do mundo da gaita- coordinado por Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, inclúe este ano a participación de gaiteiros e grupos de Galicia, Asturias, Zamora, Bélxica, Italia e da Bretaña francesa, quen ademais de dar a coñecer as últimas novidades no eido da gaita dende o punto de vista didáctico e científico, intervirán nun gran concerto de máis de tres horas de duración no Castelo de Monterrei onde se poderán escoitar diferentes estilos, sons e composicións musicais de diferentes países.

As actividades da Xuntanza Internacional de Gaiteiros comezou xa este mesmo venres cunha conferencia na Escola Provincial de Gaitas, na que se presentou o libro "Les gaites", a cargo de Daniel García de la Cuesta; e este sábado pola mañá, antes do concerto da tarde, impartiranse outros dous relatorios sobre "Didgeridoo en Australia, a cargo de Tomás Carro, e sobre "A musette barroca", a cargo de Jean Pierre Van Hess. Como actividade paralela pode visitarse una exposición de bibliografía e discografía e instrumentos populares a cargo do obradoiro "Os Alegres".

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA