Un libro editado pola Deputación recolle a historia dos fidalgos que habitaron o Pazo de Piñor dende o século XV
 
O Pazo de Piñor, obra de Mary Cruz Bangueses Cobelas e ilustrado con fotos de Mani Moretón, relata a historia desta fermosa casa de labranza dende o século XV ata os nosos días, situada no concello de Barbadás, e na que se mesturan arquitectura e o relato das vivencias dos denominados señores medianeiros ou fidalgos. A obra, editada pola Deputación de Ourense, foi presentada este martes no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
 
 
 
 
 
20 de XUÑO de 2012: OURENSE DIXITAL

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este martes a presentación do libro O Pazo de Piñor, obra de Mary Cruz Bangueses Cobelas e ilustrado con fotos de Mani Moretón.
Trátase dunha obra que relata a historia desta fermosa casa de labranza dende o século XV ata os nosos días, situada no concello de Barbadás, e na que se mesturan arquitectura e o relato das vivencias dos denominados señores medianeiros ou fidalgos.
O acto contou coa presenza da autora e mailo presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde de Barbadás, José Manuel Freire Couto, e a responsable de Publicacións da institución provincial, Ana Malingre.

Manuel Baltar sinalou que o libro "é un atraínte e interesante percorrido por 500 anos da historia de Ourense, un traballo que pon en valor o legado de xeracións de persoas que habitaron o Pazo de Piñor, pero que tamén serve para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa historia, algo que temos que seguir preservando".
Pola súa banda, a autora da obra explicou que é importante que todos os pazos e as casas señoriais de Ourense "abran os seus arquivos e permitan aos investigadores achegarse aos antigos documentos que posúen, para que esa parte da historia da nosa provincia que aínda permanece sen ser contada poida chegar a todos nós".

Mary Cruz Bangueses explicou que na importante documentación atopada no Pazo de Piñor hai documentos relativos a antigas autoridades do concello e da provincia de Ourense, ademais de documentos xudiciais de gran valor e mesmo pergamiños, dos cales se da conta no libro.

Segundo relata a autora, é interesante coñecer ás orixes dos pazos galegos que aparecen en Galicia en época moderna, e moitas veces son froito de anexións de casas diversas. Mary Cruz Bangueses chegou á conclusión de que é erróneo atribuír a fundación do Pazo de Piñor a don García Díaz de Cadórniga e á súa dona, senón que o Pazo de Piñor xurde no século XVI a partir da morada de Pedro García de Pazos, sendo o pazo posteriormente transformado ata chegar aos nosos días.

Pedro García de Pazos foi un expoñente dos denominados señores medianeiros ou fidalgos sen título, que aparecen no século XV como intermediarios entre os labregos que cultivan as terras e os propietarios directos que cobran as rendas. Polo xeral, estes os señores medianeiros, arrendaban as terras obtidas mediante foro a un terceiro, e cobraban unha renda moito maior que a que pagaban aos donos directos das terras.

Os medianeiros, para preservar o patrimonio fundan morgados: formas de propiedade que impiden ao seu titular dispoñer en vida dos bens vinculados e impoñen unha orde sucesoria preferente; así, o ben vinculado debe pasar íntegro ao herdeiro xeralmente primoxénito varón, co desexo de que os bens aumenten e non diminúan, en favor dunha liña sucesoria determinada.
 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
 
   
   
 

Por MANUEL DOPAZO