A Deputación edita un primeiro volume de 26 Galegos de Ourense, e Baltar anuncia xa un segundo para 2014
 
Coordinado por Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez, a Deputación de Ourense ven de publicar Galegos de Ourense, 26 de nomes que conforman un primeiro volumen de aqueles ourensáns con pegada. "Son todos os que están, máis non están todos os que son", xa adiantou Manuel Baltar, o anunciar que haberá un segundo volume, que tamén editará a Deputación de Ourense no ano 2014, que completará un pouco máis estes primeiros 26 nomes de ourensáns ilustres.
 
 
 
 
 
11 de DECEMBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

A Deputación de Ourense presentou este luns o libro Galegos de Ourense, obra editada pola institución provincial que recompila as biografías de ourensáns ilustres ao longo da historia, desde San Rosendo ata José Ángel Valente. Segundo salientou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación, "son todos os que están, máis non están todos os que son", afirmando que os 26 nomes que figuran neste primeiro volume veranse incrementados no segundo libro que editará a Deputación no ano 2014.

"A obra recolle a biografía daqueles persoeiros que destacaron pola súa Ourensanía", sinalou Manuel Baltar. Persoeiros que teñen todos a característica común de ter contribuído a "facer Ourense" e levar o nome desta provincia nas diferentes disciplinas científicas, culturais ou sociais nas que desenvolveron a súa actividade profesional ao longo das súas vidas, destacou o titular da institución promotora desta publicación.
Baltar lembrou, así mesmo, que case 100 anos (1916) despois de que a Deputación de Ourense publicase o primeiro libro referido ás biografías de ourensáns ilustres de Benito Fernández Alonso, "a institución provincial retoma aquela iniciativa para actualizala e traer a actualidade a memoria e a pegada da Ourensanía”, da man dos profesores Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez que recompilaron o traballo dos catro Cursos de Extensión Universitaria promovidos pola Facultade de Historia de Ourense que se celebraron en Celanova baixo o título de Galegos de Ourense.

Precisamente Jesús de Juana agradeceu á Deputación de Ourense e ao seu presidente a boa acollida deste proxecto e a súa aposta firme por levalo adiante, e destacou que o labor da Facultade de Historia de Ourense "é a investigación pero tamén a divulgación, pois é necesario dar a coñecer os estudos que se fan sobre a nosa historia tanto recente como doutras épocas, para salientar o traballo de persoeiros senlleiros de Ourense".

Este primeiro volume, do que se imprimiron mil exemplares, contén textos biográficos dos seguintes persoeiros: San Rosendo, Beato Sebastián de Aparicio, Benito Jerónimo Feijoo, Pedro de Quevedo, Deán Juan Manuel Bedoya, Valentín Lamas Carvajal, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Curros Enríquez, Manuel Malingre Parmentier, Benito Fernández Alonso, A Saga dos Bugallal, José Calvo Sotelo, Manuel Suárez Castro, Benigno Álvarez González, marcelo Macías, Basilio Álvarez, Florentino L. Alonso-Cuevillas, Vicente Risco, Xesús Ferro Cosuelo, Ramón Otero Pedrayo, Xesús Taboada Chivite, Celso Emilio Ferreiro, O Mestre Vide, Eugenio Montes, Eulogio Gómez Franqueira e José Ángel Valente.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA