Rematou a viaxe de Rodríguez Miranda a Arxentina e Uruguai, a primeira do novo mandatario a Latinoamérica
 
Rematou a viaxe de Rodríguez Miranda e Alfonso Rueda por Arxentina e Uruguai. Serviu para que o secretario xeral da Emigración coñecese de primeira man as necesidades e inquedanzas de galegas e galegos emigrados a ambas repúblicas, e para manter reunións cos representantes das institucións máis senlleiras da diáspora. Miranda tamén mantivo reunións cos representantes das asociacións máis senlleiras da diáspora galega.
 
 
 
 
12 de MARZO de 2013: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, concluíu a súa primeira viaxe institucional ás repúblicas do Uruguai e da Arxentina con respectivas reunións co presidentes do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila, e a do Centro Gallego de Buenos Aires, Cultura, Mutualidad y Acción Social, Marta Donsión.
Esta primeira viaxe do máximo mandatario da Xunta en materia de Emigración a Arxentina e Uruguai serviu para que coñecese de primeira man as necesidades e inquedanzas de galegas e galegos emigrados a ambas repúblicas, e para manter reunións cos representantes das institucións máis senlleiras da diáspora, así como para coñecer en vivo as instalacións físicas e o importante legado cultural, histórico e artístico que atesouran algunhas desas institucións.

O periplo de Miranda, quen en dúas das xornadas compartiu tarefa co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, serviu tamén para asinar cadanseu convenio co Hogar Gallego de Ancianos de Buenos Aires, co Centro Gallego del Mar del Plata, co Hogar Español de Montevideo, e coa Casa de Galicia de Montevideo. Estes catro convenios van destinados a accións sociais e sanitarias para paliar as condicións de emigrantes en situación máis desfavorecida, e para cofinanciamento de prazas en residencias de asistencia a maiores.

Miranda aproveitou as últimas horas na Arxentina para entrevistarse cos presidentes do Centro Galicia e o Centro Gallego de Bos Aires. No caso do Centro Galicia, trátase dunha institución que nace no ano 1979, como froito da unión de varias entidades xa existentes, coa finalidade de agrupar a tódolos galegos en Bos Aires na difusión da arte, a cultura e mesmo o deporte: os rexedores do Centro souberon utiliza-lo deporte coma vehículo de unión e de integración da diáspora. O Centro agrupa a máis de dez mil socios, dos que aproximadamente a metade son galegas e galegos. No ano 2005, concedéuselle a Medalla de Galicia, na categoría de prata, ao Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, que forma parte do Centro Galicia.

No que atinxe ao Centro Gallego, a súa fundación data do ano 1907, cando un grupo de emigrantes decidiron unirse para crear unha institución que brindara protección médica e social. Os seus asociados son atendidos no seu complexo sanitario de Belgrano, e a área cultural desenvólvese esencialmente a través do seu Instituto Argentino de Cultura Gallega. En materia de acción social préstase asistencia de emerxencia a socios sen recursos económicos, e funciona un servizo de axuda económica mutualizada. O Centro Galego de Bos Aires foi galardoado coa Medalla de Galicia de ouro en 1990. Dos máis de vinte mil socios cos que conta, calcúlase que preto do 30% son galegas e galegos.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
  Noticias Relacionadas  
  Comezou este xoves unha viaxe institucional de Rueda e Miranda por Arxentina e Uruguai  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA