Miranda e Mato visitan Venezuela, Brasil e México para coñocer as necesidades de 110.000 galegos da diáspora
 
Comeza este mércores unha visita do secretario xeral da Emigración, Rodríguez Miranda, a Venezuela, Brasil e México, países nos que Miranda, nesta ocasión acompañado da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tentará coñecer as necesidades de casi 110.000 galegos da diáspora. A Xunta asinará sete convenios para a mellora das condicións destes galegos, ao tempo que se buscará ampliar as relacións con estes colectivos.
 
 
 
 
24 de ABRIL de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia este mércores unha viaxe institucional por tres países con cadansúa relevante colonia galega. Así, este mércores e o xoves estará en Venezuela, onde residen case 45.000 galegos, un 10 por cento do total de galegos residentes no estranxeiro.
Despois, desde o venres e ata o luns, o alto mandatario visitará Brasil, onde coincidirá en parte a súa axenda coa da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que estará no país carioca de sábado a luns.

Non en van, o contido fundamental deste novo periplo de Miranda e Mato é "fornecer a axuda que, no eido socio asistencial para persoas maiores galegas residentes en Latinoamérica, desenvolve o Goberno galego", sinala o departamento de Emigración.
Na República Federativa residen algo máis de 40.000 galegos, o 9’12 % do total de cidadáns residentes no Exterior procedentes da Comunidade Autónoma.

Finalmente, e xa de novo en solitario, Miranda rematará esta nova viaxe en México, onde estará martes e mércores da seguinte semana. O último dos seus días compartirá a celebración do Primeiro de Maio que organiza o Centro Galego de México, unhas das manifestacións colectivas da diáspora galega con maior tradición e participación. Estímase que arestora moran en México preto de 11.200 galegos, un 2’51 % do total da diáspora no Exterior.

A visita das autoridades da Xunta a estes tres países, con cadansúas especificidades, céntrase en coñecer de primeira man as necesidades das colonias galegas radicadas nas cidades con maior presenza da diáspora galega. O aspecto socio asistencial cobra especial relevancia, como o pon de manifesto que se asinarán un total de sete convenios para mellorar as condicións de vida da colonia galega, especialmente das persoas maiores en condicións máis precarias.

Rodríguez Miranda confía en ter oportunidade nesta viaxe de coñecer outras sedes, e o correspondente tecido social, de entidades con importante presenza da colonia galega. Entre elas, a Fundación España Salud en Venezuela; ou a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçâo, o Centro Espanhol e Repatriaçao de Santos, a Sociedade Espanhola de Beneficencia Hospital Espanhol en Río, e o Club Español de Niteroi, en Brasil.

Ademais, conselleira e secretario xeral terán oportunidade de coñecer de primeira man as inquedanzas e necesidades da colonia galega nestes tres países, de escoitar as cuestións que lles queiran trasladar os galegos alí residentes e as directivas das asociacións que os representan, e de saudar aos galegos de idade máis avanzada que, tras unha longa vida de sacrificio, agora son obxecto da merecida solidariedade de galegas e galegos.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Antonio Rodríguez Miranda  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA