A Xunta alerta de que máis de 4.000 galegos poden quedar sen prestación e sen asistencia sanitaria
 
Chamada de atención do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia ao Goberno Central español. Santiago Camba urxe a Madrid a que actualice as bases de cálculo das prestacións asistencias dos galegos na diáspora. Un dato: “máis de 4.000 cidadáns galegos van quedar sen prestación por situación de necesidade, e sen asistencia sanitaria”, alera Santiago Camba
 
 
 
 
 
14 de MARZO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración da Xunta, Santiago Camba, esixe ao Goberno Central que actualice as bases de cálculo das prestacións asistenciais “por necesidade dos cidadáns españois residentes no exterior”.
Camba sinala que “cos cidadáns galegos no exterior non se xoga, e moito menos cos máis desfavorecidos”. Segundo explicou en Bos Aires, “calculamos que máis de 4.000 cidadáns galegos van quedar sen prestación por situación de necesidade, e sen asistencia sanitaria”, e por iso solicitou “que o Goberno central reconduza esas políticas en canto prexudican a esa poboación española no exterior máis necesitada”.

Os datos que manexa o secretario xeral da Emigración son froito de “un seguimento constante da situación dos galegos no exterior para que estean nas mellores condicións posibles, e, nese contexto, “realizamos un estudo das prestacións por razón de necesidade, o que sería pensións asistenciais, e nos atopamos con que a suba do 2% anunciada, non se corresponde coa realidade”.
 “Este asunto nos preocupa grandemente, porque a metade dos beneficiarios españois no exterior son galegos, e o 62% do total atópase na República Arxentina”, sinalou Santiago Camba nunha comparecencia ante os medios de comunicación en Bos Aires.

Explicou o secretario xeral que “desde o ano 2004, vemos que constantemente o poder adquisitivo dos españois no exterior, no que se refire a estas pensións asistenciais, está baixando”. Neste sentido, argumentou Santiago Camba, “os datos indican que en Arxentina a base de cálculo das prestacións este ano conxelouse. En efecto, subiu algo máis dun 14% en pesos, e hai que pensar que iso é a valorización do euro respecto do peso, pero se temos en conta o IPC calculado por analistas independentes en Arxentina, que se sitúa nun 25%, a perda de poder adquisitivo é clara”.
Esa evolución, revela Camba, ”vai producir unha redución da contía a percibir dun 10% da pensión asistencial, e o número de beneficiarios se sitúa nunha porcentaxe aínda maior.”

Tamén salientou os datos de outros países coma Brasil, no que “o descenso en termos de poder adquisitivo se sitúa en torno a un 9,70%”, e Cuba cunha merma “de un 1 ou 1,5%” e en Uruguai, “onde hai un peso específico de emigrantes, se sitúa nun 7,17% do poder adquisitivo dos pensionistas”.
Para rematar, mencionou que en Venezuela “hai dificultade para facer as bases de cálculo debido aos cambios preferencias que fai este país e á nula información que se nos da desde a Dirección  Xeral da Cidadanía no Exterior”, organismo dependente do Goberno Central.

Así mesmo, Santiago Camba informou que “o número de beneficiarios vén descendendo desde o ano 2007, no que había case 52.000 pensionistas, ao 2010 que se situou en torno ao 38.700 beneficiarios, co que se ten rebaixado o número de pensionistas asistenciais nun 25%”.

“O que máis nos preocupa  é que os cálculos din que o número de pensionistas baixará este ano en torno a 7.000 ou 8.000, o que leva a que o número de beneficiarios baixará en 4 anos un 40%. Isto se debe á diminución do poder adquisitivo provocado pola conxelación e a baixada das pensións asistenciais nestes países”, concluíu Santiago Camba.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 

 

Añade OuD a tu Google