Santiago Camba rende homenaxe en Arxentina a un Lois Pereiro que definiu como “un emigrante”
 
Ao celebrar o Día das Letras Galegas, na Arxentina o secretario xeral da Emigración gabou a figura literaria de Lois Pereiro, ao que Santiago Camba considerou un emigrante, ao tempo que confesou compartir con Pereiro “o desexo dunha Galicia como referente”
 
 
 
 
 
19 de MAYO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración da Xunta, Santiago Camba, gabou a figura literaria de Lois Pereiro, a quen considerou “un emigrante” coma os asistentes ao acto celebrado no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires para celebrar o Día das Letras Galegas 2011.
“Aínda que o homenaxeado nas Letras deste ano non estivo na Arxentina, si se lle pode considerar, a todos os efectos, un emigrante”, sinalou o secretario xeral da Emigración. Santiago Camba falou do poeta monfortino achegándoo á realidade dos presentes.

“Pereiro foi buscar na Galicia de fóra unha mellora nas súas condicións vitais, que no caso dun artista polifacético coma el, indican a busca dun lugar aberto e dinámico onde desenvolver ideas para desenvolver na súa terra nai. Sexa no ámbito cultural ou no económico, sei que a experiencia de Pereiro é similar á que poderiades contar moitas e moitos de vós en primeira persoa. De aí que me permita dicir que neste acto das Letras 2011 con Lois Pereiro estase homenaxeando tamén á diáspora”.
O secretario xeral da Emigración cualificou o poeta monfortino coma un “autor culto” representante da “contracultura ou posmodernismo” do tempo que lle tocou vivir. Camba trazou o debuxo dun home que “desexaba que houbese en Galicia máis liberdade, con optimismo, para convertela nun referente”. “Compartimos con Pereiro       –confesou- ese desexo.“

Este acto, organizado polo Instituto Arxentino de Cultura Galega celebrouse no Teatro Castelao da capital arxentina con sala chea. Ao longo da tarde presentáronse unha conferencia do escritor e xornalista Manuel Suárez Suárez sobre o futuro da emigración en América, así como un relatorio sobre a figura do poeta homenaxeado este 17 de maio, a cargo do profesor de lingua e literatura galega no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, Xoán Xesús Sánchez Muíño.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google